Monday 29 de April de 2024

A Xunta de Galicia reforza con cinco millóns de euros máis a partida destinada a atender a RISGA no orzamento de 2016


Os recursos económicos consignados para esta axuda de inclusión ascenden a 52,7 millóns de euros de orzamento inicial ampliable

A Consellería de Política Social, que dirixe José Manuel Rey Varela, salienta o compromiso dos presupostos da Xunta para o ano 2016 coa atención das persoas en situación ou risco de exclusión social ao subir até os 52,7 millóns de euros a partida destinada á Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA). Esta cifra supón un incremento de cinco millóns de euros con respecto ás contas autonómicas do presente exercicio.

O reforzo do orzamento responde ao compromiso do Goberno galego coas persoas e familias que máis o necesitan. En canto ao perfil dos beneficiarios da RISGA: o 59,60% das persoas perceptoras son mulleres. Por idades, o 31,77% do total de beneficiarios teñen entre 35 e 44 anos; un 26,43% entre 45 e 54; un 19,25% entre 25 e 34; o 4,03% son menores de 25 anos e o 18,52% restante son persoas maiores de 55 anos. Así mesmo, máis dun 84% ten estudos primarios ou non os completou; e o 92% traballou nalgún momento.

Ademais de máis recursos económicos, a intención da Consellería de Política Social é seguir axilizando a tramitación da RISGA. Cómpre lembrar que na tramitación de calquera expediente participan tres partes: o solicitante, o concello e, por último, a administración autonómica.